O paro crece en setembro en Galicia mentres en España rexistra unha caída histórica. Na nosa bisbarra atopámonos entre as dúas situacións: o número de desempregados mantense estable con lixeiras subas en Redondela, Pazos de Borbén e Fornelos e 24 parados menos en Soutomaior.
O paro rexistrado en Redondela creceu en setembro, respecto ao mes anterior, en 5 persoas, situándose actualmente en 1557 persoas as que se atopan en busca de emprego. Segundo os datos proporcionados pola Consellería de Emprego o número de mulleres desempregadas (997) practicamente dobran ao número de homes nesta situación (560). O sector máis castigado é o dos servizos con 1.071 persoas en paro. Situación semellante a que atopamos no resto dos concellos, onde o sector servizos é o que deixa un maior número de desempregados e, en todos os casos, as mulleres son as máis afectadas ante as dificultades de formalizar un contrato de traballo.
En Pazos de Borbén a situación empeorou no último mes con 10 parados máis, sendo 233 as persoas desempregadas, cifra que ascende a 127 en Fornelos con dous novos inscritos.
Mellor comportamento o que atopamos en Soutomaior, onde a lista do paro reduciuse en 24 persoas, sendo 510 as inscritas actualmente.
E mentres o paro rexistrado creceu en setembro en Galicia en 1.790 persoas, no conxunto de España o paro marcou o maior recorte para este mes da serie histórica con 76.113 desempregados mesos respecto ao mes anterior, situándose o total en 3.257.802 persoas.