Augas de Galicia abriulle un procedemento sancionador ao Concello de Pazos de Borbén por diversos incumprimentos en materia de vertidos. O Concello enfróntase a unha sanción de ata 5.000 €. Alternativa Veciñal por Pazos asegura que ante o deterioro e mal funcionamento que presentan as estacións depuradoras do municipio non se descarta que poida haber máis expedientes e máis sancións.
O pasado mes de xullo o ente autonómico Augas de Galicia comunicoulle ao Concello de Pazos de Borbén o inicio dun expediente sancionador por varios incumprimentos da autorización en materia de vertidos. Concretamente, pola falta de funcionamento do tratamento de desinfección; falta de realización e remisión de autocontrois e, o máis grave, polos vertidos de augas residuais ao rio Alvedosa procedentes da estación depuradora da parroquia de Amoedo. O expediente podería implicar unha sanción de ata 5.000€
Alternativa Veciñal de Pazos, asegura que este expediente “non colle por sorpresa a ninguén” atendendo a que unha visita ás distintas estacións depuradoras e de bombeo permite comprobar que os vertidos e as molestias por malos cheiros son continuos. Con esta situación, o Concello exponse a que no futuro haxa máis expedientes e máis sancións.
Por outro lado, ademais das molestias e dos vertidos contaminantes, a infraestrutura segundo denuncian dende esta formación política “está obsoleta e ten uns custos de operación e mantemento moi elevados”.
Lembran que a Agrupación de Electores xa propuxera no mes de maio un plan de melloras que incluían realizar un diagnóstico da situación e elaborar un Plan de actuacións que priorizara as necesidades máis urxentes, unha proposta foi rexeitada cos votos en contra do PP e a abstención de Ciudadanos.