Así o interpreta o BNG logo da nota de prensa feita pública pola secretaria de Estado de Transportes tras a celebración dunha andaina reivindicativa o pasado domingo na que un cento de persoas reclamaron a construción dunha vía verde polas antigas vías do tren, actualmente en desuso. Unha petición histórica que para os nacionalistas suporía “cambiar a mobilidade nos concellos do fondo da ría”.
Entenden que as declaracións emitidas dende o Ministerio de Transportes aínda que salienten a “dificultade” para desafectar algúns tramos do trazado en cuestión e pretendan descargar algunhas obras nos concellos “abre a porta a realizar esta obra”.
A este respecto, Manu Lourenzo sinalou que esta nova situación deixa enriba da mesa varias cuestións, a primeira é que a mobilización e defensa da veciñanza goberne quen goberne en Madrid é o camiño para acadar melloras como a vía verde, a segunda que aquilo que dicía ADIF de que esta obra non se podía facer era falso, e a terceira que agora toca poñerse a traballar todas e todos para que esta infraestrutura tan necesaria para a veciñanza do fondo da ría sexa unha realidade canto antes.
O BNG a través de Nestor Rego presentará unha emenda aos orzamentos para avanzar nesta demanda. Actualmente o antigo trazado está a ser devorado polas silvas, fronte a iso apostan por un trazado que permitiría mobilidade segura e ecolóxica entre Arcade e Pontevedra en 20 minutos en bicicleta por unha senda chá. “Sería bo para a nosa mobilidade, para o noso turismo, para a hostalaría, para o comercio local, e nin sequera sería unha obra custosa” conclúen dende o BNG.