O servizo de biotriturado de restos vexetais facilitará o acceso ao estruturante que se debe aportar ao composteiro e que, a día de hoxe, é un material deficitario
A Concellería de Medio Ambiente vén de adquirir dúas biotrituradoras portátiles para permitir o tratamento de restos vexetais polas veciñas e veciños que así o soliciten, independentemente de que sexan ou non participantes nos programas de compostaxe doméstica promovidos dende este departamento.
Con esta iniciativa, na que o Concello investirá algo máis de 2.000 euros, afóndase no programa ‘Redondela Composta’ que busca mellorar o sistema de compostaxe existente no municipio e incrementar a separación dos residuos sólidos urbanos na orixe.
A posta en marcha deste sistema de empréstamo de biotrituradoras portátiles permitirá que veciñas e veciños poidan triturar aqueles restos vexetais para despois ser utilizado como estruturante nos composteiros.
O edil de medio ambiente Alberto Albarez lembra a vantaxe que supón a compostaxe de residuos orgánicos que permitiría reducir nun 40% o lixo que producen os fogares.
Os aparellos adquiridos –cunhas dimensións de 60x100x100 (anchura, longo e altura) contan cun motor eléctrico e unha potencia mínima de 3 HP e están dotadas con coitelas desfribriladoras e contracoitelas que permiten a corta de produtos leñosos e fibrosos. A maiores, están dotadas de martelos móbiles para a trituración final para follas e ramas (cun diámetro máximo de 5 mm) e setos. A produción aproximada é de 1 metro cúbico/hora.