Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela renova o convenio de transporte metropolitano con 27.000 euros de custe anual

transporte tarxeta

O pleno municipal vén de aprobar, cos votos en contra de AER e o apoio dos concelleiros de PSOE, PP e BNG, a adhesión do concello de Redondela ao novo convenio da Xunta para o transporte metropolitano da área de Vigo. Un convenio que quere dar continuidade ao xa asinado no ano 2015 e que supón un aforro económico para os veciños e veciñas dos concellos adheridos así como a promoción do transporte público entre a cidadanía en detrimento do uso do vehículo privado.

Unha sesión extraordinaria que se celebraba ás 14:00 horas de hoxe no Multiúsos da Xunqueira e na que se debatía a adhesión de Redondela a un convenio da Xunta que afecta a un total de 12 concellos de toda a área metropolitana de Vigo e da área do Morrazo (Baiona, Cangas, Moaña, Fornelos, Mos, Nigrán, O Porriño, Pazos, Redondela, Salceda, Salvaterra e Soutomaior).

Todos os grupos amosaron o seu apoio ao mesmo agás os edís de AER, quen votaron en contra alegando que “se trata dun servizo que é competencia da Xunta de Galicia, polo que debería ser asumido o seu custe polo goberno galego”. Entenden ademais que non pode falarse dun transporte metropolitano cando non se inclúe o servizo de tren de proximidade.

Daniel Boullosa, AER

Malia compartir esa apreciación, dende o BNG entenden que esta colaboración serve para mellorar os intereses da veciñanza e insistían na necesidade de acometer medidas que favorezan o uso do transporte público, como por exemplo reducindo o custe que aos usuarios lles supón usar estes medios para se desprazaren. Criticaba neste sentido o edil nacionalista Xoán Carlos González, que non se adopten dende a Xunta outras liñas de comunicación que favorecerían o desprazamento dos veciños “por exemplo dos traballadores que se despraza a Porriño”.

Xoán Carlos González, BNG

O PP poñía sobre a mesa que o número de beneficiarios da tarxeta metropolitana ascende a 5.787 persoas e que son preto de 1.500 mozos e mozas os que contan con transporte gratuíro polas bonificacións da Xunta. Criticaba Carmen Amoedo que o convenio “se traia ao pleno este convenio no día no que remata o prazo para poder adherirse” e falaba de “desgoberno” por parte do PSOE.

Carmen Amoedo, PP

Replicaba a edil socialista María Castro lembrando que outros concellos da  bisbarra gobernados polo PP, como Mos ou Soutomaior, tamén o someterán a pleno hoxe mesmo “porque a Xunta o remitiu aos concellos o 30 de setembro, sen practicamente tempo para que fora analizado polos técnicos municipais”. Concluía afirmando que se vai “colaborar para seguir favorecendo e promovendo un servizo de transporte colectivo moi necesario para Redondela e que, malia compartir que “debería ser a Xunta quen puxera os cartos, iso non vai ser impedimento para que asinemos un convenio que beneficia aos veciños”.

María Castro, PSOE

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará