A tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Redondela camiña cara a súa aprobación inicial algo que, segundo os cálculos do Goberno local, podería producirse nos primeiros meses do 2022.
Con ese fin, o pasado luns, técnicos da empresa encargada da redacción do documento, mantiveron unha xuntanza de traballo en Redondela coa Corporación Municipal. Era esta unha das últimas reunións programadas no calendario de traballo que comezaba o pasado mes de maio e que tiñan por obxectivo informar, mes a mes, dos avances na elaboración do documento.
As reunións celebradas daban resposta a intención do Goberno de que o proceso de elaboración do que é, sen dúbida, “o documento máis importante para Redondela, fora aberto, transparente e no que todos os grupos da corporación dispuxeran, en todo momento, de toda a información”, explica a concelleira de Urbanismo, María Castro.
Malia tratarse dun documento “fundamentalmente técnico” explica a edil “precisa a colaboración e implicación de todos os grupos políticos así como do conxunto da cidadanía”.
En todo caso a responsable de Urbanismo lembra que o proceso de exposición pública ao que será sometido o documento “debe entenderse como un proceso de perfeccionamento do propio documento a través das achegas das veciñas e veciños así como dos distintos organismos e administracións con competencias na materia”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, lembra que “este es el documento más importante para unha administración local e, como tal, debe contar co maior consenso posible e sería importantísimo que obtivera, de cara a súa aprobación inicial, unha clara e ampla maioría”.
Unha vez superada a aprobación inicial, o Concello deberá someter o Plan Xeral á información pública durante un período de dous meses e remitilo, posteriormente, á Dirección Xeral de Urbanismo para continuar co procedemento regrado.