A canle funcionará como unha lista de difusión para protexer os datos dos veciños subscritos
Co obxectivo de axilizar, dinamizar e garantir unha correcta información ao cidadán, o Concello de Soutomaior vés de estrear a súa nova canle Whatsapp. A través desta aplicación de mensaxería instantánea, os veciños poderán coñecer en tempo real as últimas novidades sobre a actividade municipal e outras noticias e informacións de interese.
A nova canle de información municipal foi presentado polo alcalde, Agustín Reguera, e a edil de cultura, Noelia Ocampo, que indicaron que o servizo consiste nunha lista de difusión, non dun grupo no servizo de mensaxería, “polo que os datos persoais de todos os usuarios do servizo estarán sempre protexidos e non serán compartidos co resto de inscritos na canle de WhatsApp”.
A canle de WhatsApp do Concello de Soutomaior é unidireccional e puramente informativo, polo que os usuarios do servizo non poderán enviar mensaxes de resposta ás publicacións realizadas. Para darse de alta no servizo os veciños só terán que escanear o código QR que poderán atopar en todos os edificios municipais e na páxina web do Concello ademais de diversas publicacións como a programación cultural municipal. Unha vez escaneado, abrirase a aplicación e só será necesario seguir as instrucións para completar a subscrición.