Os populares aseguran que o goberno de Digna Rivas “continúa coas privatizacións e, ao mesmo tempo, incrementa os gastos de contratación de empresas externas para traballos que realizaba o persoal municipal”.
A xestión do Goberno municipal de Redondela e a súa negativa a chegar a acordos co resto dos grupos políticos e a negociar uns novos orzamentos, estarían a causar segundo o PP, serios prexuízos nos servizos públicos municipais e na atención que reciben os cidadáns. Aseguran os populares que se están a contratar empresas privadas para realizar traballos que antes desenvolvía o persoal municipal “é o caso dos 14.000 euros que se pagaron a unha firma externa para sacar a concurso a xestión das piscinas e as pistas de tenis e pádel”. Tamén ten aumentado de forma considerable o gasto na contratación de empresas para o mantemento do servizo eléctrico e de albanelería “traballos que antes desenvolvía o persoal do concello e que ao non sacar as prazas dos operarios que se xubilaron, obriga agora a contratar empresas externas”, supondo isto un gasto maior “ademais do incumprimento do programa do PSOE que falaba de municipalizar servizos e agora fai todo o contrario”.