Logo de seis xornadas o SD Pazos manda na Preferente Sur cunha marxe de cinco puntos. A vitoria no derbi ante o Redondela Maramar sérvelle aos de Fran Amoedo para marcar distancias. Esta fin de semana a liga recupera a primeira xornada, que leva ao SD Pazos a enfrontarse ao Verín en terras ourensás.
O equipo de Pazos, descendido de Terceira administrativamente por negarse a competir a pasada temporada, é un dos claros favoritos para o ascenso. O conxunto que adestra Fran Amoedo está a demostrar que é un candidato firme para gañar o título, e conta por vitorias as seis xornadas disputadas. Con todo, o técnico advirte que na categoría hai moitos equipos “a un gran nivel” e que non poden permitirse relaxarse “porque calquera che pode gañar”.
Un dos seus rivais directos é o Redondela Maramar, co que disputaron o derbi a pasada xornada no pavillón da Marisma. O resultado, cun marcador de 1-6 para os de Amoedo, deixa ao Pazos máis líder e ao Redondela no 3º posto, cinco puntos por baixo, e empatado con Baíña, As Neves e Marín Futsal. O técnico recoñece que o resultado é “algo avultado” para o que se viu no terreo de xogo, e lamenta a lesión do porteiro redondelán Naka, ao que desexa unha pronta recuperación.
Esta fin de semana a xornada de descanso na liga permitirá recuperar os partidos aprazados no comezo da temporada polo atraso no comezo da competición. Este sábado xogarase a primeira xornada. O SD Pazos desprázase a terras ourensás para medirse ao Verín Cigarrón. Farán a viaxe con algunhas baixas no equipo titular, que suplirán con xogadores do filial e o xuvenil.
A cita será ás 20.00 horas no pavillón municipal de Verín. O mesmo día e á mesma hora o Arealonga recibe en Chapela ao Teis. O Redondela Maramar xogará ás 16.45 na pista da Quinta de Tui.