As novas indicacións colocáronse nos itinerarios de maior afluencia turística para aumentar a súa eficacia. A actuación pretende mellorar a imaxe do municipio ante os visitantes e contou cun orzamento de 14.778 euros que foi financiado por completo a través do convenio de colaboración asinado con Turismo de Galicia.
As iconas locais elixidos para esta nova sinalización son o Castelo de Soutomaior, a Ponte Medieval de Comboa e o de PonteSampaio, as praias do Peirao e A Xunqueira, o río Oitavén e o miradoiro da Peneda. Na maioría instaláronse dous sinais, unha en cada sentido da circulación, salvo nas situadas nos límites do municipio e que só contan cun itinerario para chegar, como a ponte de PonteSampaio ou o miradoiro da Peneda. Ademais, na praia do Peirao instalouse unha mesa de interpretación da contorna para dar a coñecer a riqueza ambiental da zona.
Os novos sinais teñen unhas dimensións de 130 por 40 cm e están realizadas conforme ás directivas de Turismo de Galicia marcadas no manual de sinalización. Indicacións que buscan manter un sistema homoxéneo e harmonizado de sinalización turística en toda Galicia.
O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, destacou que con esta sinalización o obxectivo é “aumentar a visibilidade dos nosos atractivos turísticos e que iso nos sirva para mellorar a experiencia dos turistas que chegan ao municipio, axudándoos a chegar a todos eses puntos de interese para facer a súa visita máis completa”, concluíu o rexedor.