O cemiterio dos Eidos, o Museo Meirande, a Ruta da Auga e o Camiño de Santiago ao seu paso polo concello son os atractivos clave na promoción turística que o Concello vai facer na Feira Internacional de Turismo, Fitur 2022, que se celebra estes días en Madrid.
A alcaldesa Digna Rivas e a concelleira de turismo, María Castro participan hoxe en Madrid no stand de Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño de Fitur 2022, unha marca turística que agrupa a 14 municipios do suroeste galego, no que Redondela estará presente con diverso material “que amosa o enorme potencial que temos en materia turística”. Sumando sinerxias, os concellos do sur da provincia promociónanse conxuntamente neste evento turístico salientando atractivos comúns como poida ser o propio Camiño de Santiago, un dos focos de intereses que maior número de visitantes atraen a estas zonas e que supón unha aposta importante para xerar tamén un turismo que non busca sol e praia.
A presenza de Redondela en Fitur serve así para poñer en valor, nun foro no que se dan cita turoperadores e profesionais do turismo de toda Europa, “o enorme patrimonio cultural, histórico, artístico e natural que ten Redondela”.
O Cemiterio de Eidos como punto de referencia histórico-patrimonial, os lugares de interese do Camiño de Santiago ao seu paso polo municipio, a reactivación do Museo Meirande que o ten levado a converterse nun punto de visita obrigada, a Ruta da Auga ou a recen inaugurada Senda Verde, serán algúns dos atractivos que Redondela presente neste escaparate internacional.
Dende o Concello buscan consolidar todos estes atractivos con novs iniciativas que presten atención ao feito de que Redondela é o punto no que conflúen o Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa, dous das rutas xacobeas con maior crecemento e expansión que supoñen unha oportunidade única para dar a coñecer todo o que Redondela pode ofrecer.