A moción do BNG en contra do plan eólico da Xunta de Galicia, que establece en Redondela dúas áreas de desenvolvemento eólico o que permitiría instalar aeroxeneradores nun 50% do territorio, saíu adiante ao contar cos votos a favor de PSOE e AER. Non foi un acordo unánime, xa que non contou co apoio dos populares que acusaron aos nacionalistas de empregar a “a política do medo” neste asunto.
“O proxecto de eólicos nos monte de Amoedo e Reboreda estaba en trámites previos e se non se fai é porque a empresa decidiu desistir do proxecto, non porque a Xunta lle negara o permiso”, así argumentaba Jessica Garcia a moción presentada polo BNG na que alertan do risco de que chegue outra empresa e retome o proxecto eólico nos montes de Pazos de Borbén e Redondela ou mesmo que a propia empresa decida dun día para outro retomar esta iniciativa.
O popular Alvarez Ballestero acusaba ao BNG de empregar a política do medo e falaba das virtudes dos novos parques eólicos “que apenas fan ruídos, teñen incluso detectores para deterse no caso da presenza de paxaros e son ademais creadores de riqueza naquelas vilas nas que se asentan”. Insistía o edil na necesidade de crear enerxía para atender ás necesidades da cidadanía.
Foi a única voz discordante nun debate no que o PSOE alertaba do espolio que supón a implantación deste parques cuxos proxectos están en marcha incluso a escasos metros de vivendas e con alturas nos aeroxeneradores que chegan aos 200 metros. En total 130 proxectos explicaba Iria Vilaboa quen se comprometía en nome do goberno a chegado o momento “poñer a disposición dos veciños os servizos xurídicos do concello que sexan precisos”.
No mesmo sentido manifestábase o edil de AER Roberto Villar quen criticaba que en ningún caso se teña en conta o impacto ambiental e volvía poñer en dúbida que non se vaia facer “o proxecto está ai e se non se cambia a normativa o proxecto podería executarse en calquera momento”.
Remataba a intervención Jessica García acusando ao PP de mentir cando di que eses parques non producen impacto e de manipular ás Comunidades de Montes para que permitan a instalacións dos muíños no seu territorio.