Unha obra de divulgación científica, memoria histórica e posta en valor dunha muller pioneira esquecida pola historia como foi Isabel Zendal e que se poderá ver o domingo ás 18:00 horas no Multiúsos da Xunqueira. Orientada a público familiar a partir de 8 anos, as entradas pódense retirar no propio Multiúsos a un prezo de 3 euros.
Os Nenos da varíola conta unha historia real acontecida no ano 1803 cando parte dende o porto da Coruña a “A Real Expedición Filantrópica da Vacina”: vinte e dous nenos procedentes de orfanatos de Madrid, Santiago e A Coruña conforman unha cadea humana “brazo a brazo” para facer chegar a vacina contra a varíola aos territorios de ultramar nunha das maiores xestas médicas levadas a cabo na historia da humanidade.
Pérez&Fernández en coprodución co Centro Dramático Galego presenta a adaptación á escena da novela de María Solar “Os Nenos da Varíola”. Unha peza teatral con altas doses de realidade histórica, tenrura e humor que toma como eixe central a vida dos nenos da Casa de Expósitos da Coruña e como chegaron a ser os heroes da Real Expedición Filántropica da Vacina, na que a súa heroína máis esquecida converteuse nun dos piares máis importantes da expedición, a reitora da Casa dos Expósitos, Isabel Zendal.