As agrupacións que queiran participar nestas dúas citas teñen de prazo ata o 20 de febreiro. O Concello recupera así as tradicionais celebracións do Entroido tanto en Redondela como en Chapela logo da suspensión das actividades na rúa o pasado ano por mor da pandemia.
O concello destina ao desfile de Comparsas un total de 10.500 euros que serán distribuídos tanto en premios como en axudas a aquelas agrupacións que acompañen o Entroido nos actos programados para o domingo 27 de febreiro. As axudas outorgaranse en función dos integrantes de cada comparsa e os premios repartiranse en diferentes categorías: mellor comparsa, mocidade, retranca e inclusión e diversidade.
Haberá premios tamén para os grupos, parellas e disfraces individuais que participen o martes 1 de marzo nun desfile que terá lugar nas rúas.
En canto ao enterro do Berete, esta cita tradicional en Chapela desenvolverase o sábado 5 de marzo. O concello destina un total de 3.000 euros que se distribuirán entre os grupos participantes en función do seu número de compoñentes.
En todos os casos, as comparsas deberán gardar unha unidade temática tanto nos seus vestiarios coma na súa actuación.
As persoas interesadas deberán realizar a súa inscrición no rexistro do concello antes do 20 de febreiro tal e como se recolle nas bases que se poden consultar na súa páxina web.