Os veciños entenden que a alcaldesa Digna Rivas está a colocarse “ao carón dunha empresa contaminante como é Aucosa e en contra dos intereses da cidadanía”. Unha decisión na que a alcaldía queda soa xa que segundo os veciños tanto PP como BNG “manifestáronse en contra de presentar ese recurso”. O seguinte paso veciñal será presentar unha moción ao pleno do concello solicitando a retirada do recurso. Confían en contar tamén co apoio de AER malia que aínda están pendente de que a agrupación lles traslade o seu posicionamento ao respecto.
“Por responsabilidade institucional e por valentía” foi o argumento que a alcaldesa lles deu aos veciños para xustificar a súa decisión de presentar recurso ao fallo xudicial que anula a licencia outorgada a esta factoría para a ampliación das súas instalacións. Unha sentenza que segundo insiste o presidente da Asociación de Veciños de Chapela, Marcial Pérez “danos a razón ao recoller que non se debía ter concedido esa licenza municipal”.
Unha decisión que os veciños coñecían no transcurso dunha reunión celebrada onte e na que tamén estaban presentes representantes de PP e BNG, grupos que si amosaron a súa conformidade coa petición veciñal.
Pérez amosa a súa decepción e sorpresa xa que asegura que nunha reunión previa a alcaldesa si lles tería trasladado a súa intención de non continuar coa vía xudicial. Insiste ademais en que tras a sentenza emitida polo Xulgado do Contencioso número 2 de Vigo o recurso non terá percorrido “está moi ben argumentada, baséase en catro sentenzas anteriores na que se subliña que a actividade de Aucosa é incompatible co planeamento urbanístico e tumba tanto os informes do arquitecto municipal como da propia Xunta”.
Con todo, insiste en que esta decisión do Concello o que fai é prolongar aínda máis a permanencia de Aucosa no litoral de Rande polo que o seguinte paso será solicitar á corporación un acordo para que o recurso que agora vai presentar o Concello sexa retirado.