Os Claustros e Consellos Escolares dos institutos Pedro Floriani, Illa de San Simón, Mendiño e IES de Chapela, veñen de asinar un protocolo no que reclaman da administración educativa e sanitaria “unha actuación directa e urxente ante os problemas de saúde mental que está ocasionando o momento histórico que estamos a vivir entre a mocidade”. O texto foi enviado ás xefaturas territoriais provinciais de educación e sanidade, así como aos conselleiros respectivos.
“Ansiedade, depresión, autolesións ou intentos de suicidio que ás veces chegan a concretarse” esa é a realidade presente nos colexios e institutos e así o denuncian dende as direccións dos centros de Redondela quen alertan de que a pandemia da COVID-19, cos efectos do distanciamento social, contención emocional e a fonda inmersión na vida dixital cun abuso ou mal emprego dos medios tecnolóxicos e das redes sociais, non fixo máis que agravar o deterioro da saúde mental da nosa sociedade visibilizando unha realidade que sempre estivo aí, latente, rodeada de mitos e prexuízos, mais formando parte das circunstancias que nos rodean. Engaden que a mocidade está a sufrir de maneira acusada este impacto no seu benestar emocional e na súa saúde mental.
Denuncian que os institutos non contan nin coas condicións nin cos recursos axeitados para poder conter este golpe polo que demandan a acción directa e urxente das administracións sanitaria, educativa e social, tanto a nivel de intervención como de prevención.
Entre outras cuestións demandan que se reforcen o número de profesionais especialistas nos servizos de saúde e que se creen equipos interdisciplinares que desenvolvan estratexias de intervención encamiñadas a promocionar, protexer e restablecer a saúde mental do alumnado con acción directa e coordinada nos centros educativos. Tamén que se fortalezan os programas de prevención do suicidio así como acudir aos centros nos que se produzan intentos ou casos e que se forme aos profesionais da educación que día a día están a xestionar o benestar emocional e mental do alumnado.