A menos dunha semana de que arranquen as celebracións do Entroido o vindeiro sábado, a praza do Concello acolle xa a figura do Meco. Nesta ocasión unha crítica á situación sanitaria e á atención telefónica que se converteu no xeito habitual de asistencia nos centros de saúde. Un meco no que se pode ver a un sanitario portando o cartel de “SOS Sanidade Pública”que será pasto das lapas na tarde do vindeiro martes nun espectáculo a cargo dos Festicultores.
A atención telefónica converteuse nunha norma a raíz da pandemia, o que supuxo un claro empeoramento na atención dos pacientes. Tamén houbo moitas voces que alertaron da complicada situación de todas esas persoas que se dedican á sanidade. E neste ano no que o Entroido renace Redondela quere queimar precisamente todos eses males que asfixian a sanidade pública. E faino en forma de meco, unha figura que se pode ver xa ás portas do concello e que aí permanecerá ata que o vindeiro martes día 1 sexa devorada polas lapas, nunha xornada na que haberá actividades para so nenos a partir das 17:00 horas, espectáculo a cargo de Troula Animación e queima do meco ás sete da tarde na Praza de Ribadavia.
Unhas celebracións que arrancarán o sábado co Entroido infantil e xuvenil na Alameda de Castelao con obradoiros e concerto de A Gramola Gominola e o domingo co desfile de comparsas que partirán ás 17:00 horas dende o Campo da Feira.
Festas que rematarán en Chapela o sábado 5 de marzo coa Queima do Berete na praia de Arealonga a onde chegará tras percorrer o centro da parroquia acompañado dunha comitiva que partirá ás 17:00 horas dende o Alto da Encarnación.