A moción, presentada polo BNG, foi aprobada por unanimidade e compromete ao concello a esixir a Viaqua que, unha vez a situación da pandemia en Soutomaior “estea nuns números razonables”, abra a súa oficina unha tarde á semana para cubrir o horario de atención ao público presencial, mantendo a atención polas mañás.
Explican dende o Bloque que o acordo non é máis que esixir a empresa que “cumpra os pregos do contrato de atención ao público”, uns pregos que segundo denuncian Viaqua “incumpre sistematicamente desde hai case tres anos”. Unha situación que provoca malestar da veciñanza, que até ten que ausentarse no traballo para poder realizar moitas das xestións, xa que tan só teñen atención presencial en horario de mañá cando o contrato establece que sí deben abrir un día as semana pola tarde. Engaden outros incumprimentos como o feito de que a pesar de vir recollido no prego de condicións, a oficina carece de acceso para persoas con mobilidade reducida.
O voceiro municipal do Bloque, Manu Lourenzo, cargou contra o Goberno local por permitir esta situación. Tampouco entende as escusas de Viaqua. “Poderíamos entender que nunha situación de pandemia, a empresa se vise obrigada a pechar as súas oficinas en períodos concretos e por causa xustificada”, detallou Lourenzo, “pero o que está a facer Viaqua é aforrarse un salario a costa de prestar o servizo á veciñanza, desamparada por un alcalde que non defende os intereses xerais”.