O fallo xudicial que anula a licenza municipal concedida a Aucosa para a execución das obras de ampliación da fábrica así como o posterior anuncio da alcaldesa de presentar recurso contra esta sentenza, levou ao BNG a solicitar a comparecencia de Rivas no pleno que se celebra este xoves ás 20:00 horas no Multiúsos. A alcaldesa terá así que explicar o acontecido neste proceso así como os argumentos que levan ao Concello a continuar na vía xudicial malia a petición veciñal de que descartara o recurso e acatara o fallo.
Un recurso que para as Asociacións de Veciños de Chapela e Cedeira así como para a Plataforma en defensa da Enseada de San Simón non é máis que “un intento por parte do concello de deixar que pase o tempo e se disolva a decisión veciñal de reclamar o cumprimento da lei e traspasar ao próximo rexedor municipal a obriga de restaurar a legalidade urbanística”. Critican ademais que a alcaldesa se refuxie no argumento dunha posible indemnización millonaria a Aucosa no caso de non presentar recurso e insisten en que “a retirada do mesmo non suporía unha quebra financeira e económica da institución, como asegura a alcaldesa, xa que a suposta indeminización a decide o xulgado”. Insisten en que “os xuizes non conceden ese dereito aos delincuentes nin aos que reiteradamente vulneran a lei como fai Aucosa”. Conclúen afirmando que o Concello dispón dunha póliza de seguro para cubrir continxencias como conceder licenza indebidamente.
Lembran tamén estes colectivos que a sentenza sinala “con claridade e contundencia” que o informe emitido polo arquitecto municipal que permitiu conceder a licenza a esta fábrica é ilegal porque non se axusta á normativa urbanística do Concello xa que non recolle que Aucosa está en zona industrial de grao III onde está prohibida a actividade desta empresa que se dedica a elaboración de fariñas de peixe.