Os Festeiros de bembrive foron os gañadores desta edición
Milleiros de persoas aproveitaron o bo tempo para achegarse ao centro da vila e gozar dun Entroido que dende hai dous anos non se vivía na rúa. Os festeiros de Bembrive foron os gañadores nunha tarde na que sete comparsas festexaron o carnaval con ritmo, bo humor e cor. Este martes, se o tempo o permite, a festa volverá coa queima do meco e o concurso de disfraces aberto ao público en xeral. O que non faltará serán as tradicionais comidas de entroido que volven a encher os restaurantes.
Festa rachada a que se vivirá este martes e tamén festa intensa nun domingo no que se volvían ver rúas ateigadas de público para ver pasar as comparsas nun ambiente animado tamén pola música da Asociación de Percusionistas e Tamborileiros Aperta.
Sete comparsas entre as que se atopaban os gañadores desta edición, os Festeiros de Bembrive, que se fixeron cos 900 euros do primeiro premio.
Con todo, houbo premios para case todos sendo o espectáculo circense achegado pola comparsa Luces de Tomiño quen se levaría o segundo premio mentres que os Choqueiros quedarín en terceiro lugar.
A Asociación veciñal Novo Vigo cunha homenaxe aos recentemente desaparecidos Raffaella Carrá e Georgie Dann levaríase o premio a retranca e non faltou a comparsa de Cepeda con referencia ao volcán en erupción de La Palma que se fixo co premio Mocidade.
Un desfile que estaba precedido pola comparsa da Asociación Andaina, un circo no que non faltaba ningún artista e a quen o xurado outorgou o premio inclusión a diversidade.
Os actos do carnaval seguirá mañá martes con pasarrúas infantil a cargo de Troula Animación xa a partir das cinco da tarde. Un espectáculos itinerantes nas rúas Alfonso XII, Ribeira e Xeneral Rubín. Haberá tamén obradoiros na Alameda e concurso de disfraces diante do concello con inscrición dende as catro. A Queima do meco está prevista para as sete da tarde cun espectáculo a cargo de Festicultores.