Mañá venres arrancan as II Xornadas de Muller e Igualdade «Gemma Pereira Otero» que organiza o Concello de Redondela con dous días de actividades. O primeiro dos obradaoiros centrarase na autoxestión e o liderado feminino baixo o título “10 claves para emprender”. Patricia Rodríguez e Heidi Vander Biest son as encargadas de impartilo. Será cunha mesa redonda, de xeito participativo e dinámico para reflexionar “sobre os valores e habilidades necesarias para alcanzar os obxectivos”. Contarán coa historia persoal de dúas mulleres emprendedoras cuns perfís moi diferentes, que explicarán as barreiras que tiveron que superar e que habilidades lles axudaron a avanzar na consolidación do seu proxecto.
Cada vez son máis as mulleres que se animan a emprender, e non hai un único perfil, xa que malia que a maioría teñen entre 30 e 40 anos, tamén hai en diferentes sectores emprendedoras de 60 anos ou máis. “Non hai límite para poñer en marcha un proxecto”, sinala Vander Biest.
A cita é na Casa da Cultura, Praza de Figueroa, ás 19.00 horas. A participación é de balde, pero precisa inscrición previa no correo felizmente.coach@gmail.com. Tamén a través do código QR
“Os medios de comunicación como axentes de cambio fronte á violencia machista”
Ao día seguinte, sábado 12 de marzo”, o Multiúsos da Xunqueira acollerá, entre as 10 e as 14.30 horas outro obradoiro baixo o título “Os medios de comunicación como axentes de cambio fronte á violencia machista”. Estará impartido por Joshua Alonso Mateo, Promotor de Igualdade de Oportunidades e orfo da violencia machista e Patricia Costa, xornalista, presentadora do programa Tolerancia Cero en Radio 5 e gañadora da primeira edición do ‘Premio Sesé Mateo de Ética Xornalistica’. A inscrición pode realizarse no enderezo de correo electrónico proyectoinformadxs@gmail.com.
A concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, sinala que estas II Xornadas de Muller e Igualdade «Gemma Pereira Otero» buscan centar o debate “en todos aqueles temas que poñan en valor o papel da muller na sociedade e a súa loita por acadar unha igualdade real como único camiño para conseguir unha sociedade máis xusta”.