O Grupo Eurored conta con máis de 45 anos de experiencia no deseño e elaboración de artes de pesca e produtos para a acuicultura. Desde Redondela apostan pola investigación e innovación e son líderes europeos con produtos sustentables e seguros. Sara Alcázar, responsable de comunicación da empresa, explica que o obxectivo é facer produtos respectuosos co medio, biodegradables e “intelixentes”, que melloren a eficacia e eficiencia da pesca, evitando os descartes.
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou esta semana as novas instalacións do grupo en Redondela e puxo a esta firma como exemplo “de tradición e innovación” cos servizos que ofrece ás frotas de arrastre, cerco, baixura e palangre, así como ao sector da acuicultura.
Tamén forma parte da iniciativa Saretu, impulsada polo Goberno vasco e coordinada polo centro tecnolóxico AZTI. No marco deste último proxecto xurdiu un sistema de recollida, acondicionamento e reciclaxe de redes de pesca descartadas co fin de elaborar produtos como viseiras ou mochilas.
As instalacións de Grupo Eurored en Redondela, con 60 empregados, constan dun centro de produción e almacén de 14.500 m², oficinas, un centro de formación e unha sala técnica. Entre os proxectos nos que participan está a plataforma atlántica de reparación e mantemento de buques, Vigo Ship Repair, constituída por máis de 20 socios da ría de Vigo.