O tamaño das uralitas confirma que tiveron que ser trasladadas nunha furgoneta
A Policía Local conta con indicios que poderían axudar a dar co autor ou autores dos vertidos. Unha investigación que continúa aberta, segundo explica o edil de Medio Ambiente Alberto Alvarez, quen lamenta este suceso detrás do cal podería estar unha pequena empresa dedicada a realizar obras de reforma.
Non se trata dun caso illado “nas últimas semanas houbo vertidos semellantes en Negros e tamén en Vilar” explica o Concelleiro quen engade que neste caso o vertido é maior “unha ducia de uralitas de gran tamaño, de 2’50 por 1,10 así como sacos cheos de cascallos e restos de obra procedentes da reforma dun curto de baño como azulexos, louza sanitaria e tubaxes.
Malia a dificultade de dar cos autores deste tipo de actos delictivos, nesta ocasión as investigacións poderían chegar a bo porto xa que hai indicios que permiten “tirar do fío”. No caso de descubrir ao responsable enfrontaríase a unha sanción importante ao tratarse de vertidos perigosos. Todo apunta a que se detrás do mesmo se atopa unha pequena empresa que quería así aforrarse os cartos do tratamento que require este tipo de material.
Alberto Álvarez lembra que a manipulación de material como a uralita, que contén amianto, precisa de autorizacións por parte da Xunta e ten que ser realizado por empresas especializadas.