O CD Choco sumou dúas vitorias nas dúas últimas xornadas disputadas: gañou o pasado mércores no campo do Sofán e este domingo en Santa Mariña ante o Arzúa. Seis puntos que lle serven ao equipo para respirar algo máis tranquilo ao saír dos postos de descenso, pero que “non garante nada” como advirte o adestrador Juan Amoedo. Esta recta final da temporada vai ser intensa, quédanlle 7 xornadas por disputar, entre elas a do partido aprazado co Fabril. E son moitos os equipos que están apertados na metade baixa da táboa con diferencias de puntos mínimas. O obxectivo do Choco “é meter aínda máis equipos na pelexa pola permanencia, como fixemos co Arzúa”. Para Amoedo o único camiño é “saír a gañar” como fixeron nos últimos partidos.
O técnico salienta o compromiso dos xogadores, “que están facendo un gran esforzo para manter o equipo nesta categoría porque saben o importante que é para o CD Choco”. Nas últimas xornadas tocáronlles longos desprazamentos, cruzando Galicia en varias ocasións ata Viveiro, Carballo, Somozas ou o O Barco. Amoedo destaca que o equipo soubo adaptarse a estas circunstancias e competir a un gran nivel.
O técnico salienta tamén o compartamento da afeción, da que destaca o seu apoio “tamén nos momentos difíciles” para arroupar ao equipo en Santa Mariña, onde deben ser “moi fortes”
O próximo domingo visitan o campo do Atlético Arnoia, cos anfitrións no pozo da táboa en postos de descenso. Con todo, Amoedo advirte que será un rival complicado, e que o CD Choco ten que saír a gañar “porque non vale outra cousa”.