A superficie do parque pasará de 350 a 650 metros cadrados coa instalación de novos xogos e atracción e incluirá unha zona verde e de descanso para os coidadores. A obras conta cun orzamento de 127.000 euros. Os traballos darán comezo nas próximas semanas e terán un prazo de execución de tres meses.
O Concello de Soutomaior vén de contratar os traballos de renovación do parque infantil da Alameda Talo Río de Arcade. Unha mellora coa que o goberno local quere levar a cabo unha gran ampliación do recinto ao tratarse dun dos parques máis usados do municipio, xunto ao do Peirao de Arcade. Actualmente o parque presenta problemas no seu mobiliario polo paso do tempo, polo que lle goberno local quere aproveitar a actuación para ampliar o recinto e atender ás necesidades dos veciños, que demandan espazos lúdicos de calidade e seguros para o seu goce, indicou o alcalde, Agustín Reguera.
Así, o novo parque infantil de Talo Río practicamente duplicará a superficie e o número de xogos do recinto actual. A figura central será un gran castelo no que se integrarán varios xogos e atraccións, a principal será un gran tobogán totalmente cuberto de máis de 3 metros de altura. Ademais, o novo parque contará con balancines, randeeiras, cama elástica, un carrusel e unha zona dedicada aos máis pequenos cun pequeno parque de area.
Para completar a funcionalidade do recinto, instalarase unha zona de descanso e vixilancia para os coidadores dos pequenos con bancos de gran amplitude xunto ás novas árbores que se instalarán para dar sombra ao conxunto. Por último, instalarase un novo valo de seguridade perimetral de madeira.
A mellora afrontarase exclusivamente con fondos municipais e contará cun orzamento de execución de 127.000 euros, un prezo lixeiramente inferior ao custo inicial de licitación das obras ao recibirse unha gran cantidade de ofertas de empresas do sector.