Un convenio que, segundo explica a alcaldesa de Redondela Digna Rivas, era imprescindible para poder realizar esta actuación xa que “a pista construirase nunha instalación educativa”. A obra, que será financiada con fondos propios do concello, contará cun investimento de 170.000 euros e a pista estará aberta á utilización dos clubs deportivos fora de horas lectivas
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, amosou a súa satisfacción polo convenio remitido pola Xunta á que agradeceu “a súa colaboración para que Redondela poida contar cunha pista deportiva acorde ás necesidades dos clubs do municipio”. Os traballos a acometer permitirán dotar ao municipio dunha pista de atletismo de 4 rúas de 90 cm de ancho e unha corda aproximada de 180 metros. Asi mesmo, o proxecto inclúe unha prolongación de rúas que permitan habilitar unha recta de 60 metros, con zona de saída de 3 metros e de freado de 15 metros. A instalación compleméntase cun foxo de salto e demais instalacións propias dunha zona de atletismo como poden ser os círculos de lanzamento.
Amais dos traballos perimetrais da instalación de saneamento e drenaxe, procederase á adecuación da pista polideportiva existente mediante a aplicación dunha pintura que homoxeneíce a actuación, xa que se solapará formigón existente con formigón novo, modificándose a posición da pista.
A alcaldesa explicou que a nova instalación permitirá a usuarias e usuarios, realizar adestramentos “cun pavimento de altas prestacións perfectamente apto para adestramentos cunha pista de 60 metros para carreiras de velocidade e un foxo para salto de lonxitude”.
A raíz do convenio asinado, puntualizou Digna Rivas, a instalación “poderá ser utilizada polos clubs e atletas fora das horas lectivas, polo que a súa construción supón incrementar o número de infraestruturas deportivas con que contamos no municipio”.