Xosé Manuel Moreira Docampo presenta este mércores no Multiúsos da Xunqueira o libro “O cemiterio dos Eidos da Vila de Redondela”. Un acto organizado pola Concellería de Normalización Lingüística que se desenvolverá ás 18:00 horas con entrada de balde e no que se agasallará a cada asistente cun exemplar.
Lembra o autor que a obra comezou xestarse cando a principios da década dos 2000 se anuncia a posible demolición do Cemiterio para ubicar no seu lugar un xardín “naquel momento decidín facer unha reportaxe fotográfica para conservar a memoria do cemiterio e fun descubrindo o valor dese espazo e da perda que suporía para Redondela a súa desaparición”.
Decide entón recuperar información do cemiterio. Por unha banda en canto a riqueza que agocha o seu patrimonio artístico polas estatuas e lápidas que aínda conserva, e nunha segunda parte, recuperando as vidas das persoas que alí estiveron ou están soterradas “isto suporá que moitos veciños de Redondela poidan chegar a descubrir cousas da súa propia familia das que non tiñan coñecemento”.
Detrás desta publicación hai un arduo traballo de investigación. As conversas con veciños e veciñas e a documentación existente no Rexistro Civil de Redondela e na Diócese de Tui foron imprescindibles para reconstruír toda esta información que agora se plasma neste libro xa que, segundo explica Moreira Docampo “no arquivo municipal practicamente non hai información ao respecto, algo sorprendente cando si debería existir documentación sobre quen e cando foron alí soterrados·”.
Ademais de nomes máis que coñecidos como John O’Dogherty, un dos heroes da batalla de Pontesampaio, o ex alcalde Telmo Bernárdez, o Xeneral Rubín ou o médico e político Alejandro Otero, hai outros nomes menos coñecidos pero igualmente relevantes como o derradeiro Marqués de Sargadelos e “outras persoas que merecen moito a súa recuperación de cara a historia local”.