O PSOE busca apoios para aprobar os orzamentos deste 2022. Nese camiño está a manter reunións cos diferentes grupos políticos. Os que foran os seus socios de goberno, a Agrupación de Electores, malia poñer condicións logo de dúas xuntanzas de negociación falan “dunha situación favorable para un acordo en torno ás contas municipais que deixen atrás as tensións propias dos momentos posteriores a ruptura do goberno”.
Uns orzamentos que dende a Agrupación defenden como positivos para a veciñanza “xa que son unha adaptación dos orzamentos do 2021 que traballaramos conxuntamente AER e PSOE”.
Con todo entenden que hai que incluir no documento unha serie de actuación que suporían un investimento adicional de 300.000 euros “unha cantidade que é negociable pero que tampouco debería supoñer un atranco nun orzamento que suma 20 millóns de euros” explica o voceiro da agrupación Daniel Boullosa.
Apunta como proxectos a incluír “a posta en valor da finca da Xinaria en Chapela ou o inicio dun ambicioso plan de separación dos pluviais da rede de saneamento coa construción final dos corresondentes tanques de treboadas”. Tamén a contratación de memorias técnicas para a construción de seis sendas peonís en Redondela, o estudo de viabilidade dun punto limpo ou a construción na parcela de Vilavella dun aparcadoiro disuasorio “pero cun enfoque máis sustentable e cun carácter máis medioambiental que o que inicialmente planeaba o goberno”.
AER reclama tamén que se poñan en marcha medidas que, aínda que non teñen impacto nos orzamentos a aprobar, deben ser executadas -na maior parte dos casos- de xeito inmediato como a ordenanza para regular o uso das pista de tenis e de pádel.
Finalmente entenden que “no prazo dun mes ou mes e medio” xa debería haber unha resposta sobre a postura final de AER neste asunto con todo lembran que “ o PSOE necesitará tamén o apoio do PP ou PSOE” para sacar adiante os orzamentos.