O alcalde de Soutomaior confirmou que nos próximos días engadiranse novas zonas de cobertura
Agustín Reguera, contestou ao portavoz nacionalista, Manu Lourenzo, tras a reclamación do BNG sobre o plan de implantación da rede de fibra óptica no municipio. Un proxecto que depende das operadoras telefónicas e que nós só podemos apoiar falando cos veciños que teñen que permitir o paso, puntualizou o rexedor.
Así, o alcalde explicou que nos próximos días produciranse avances significativos na rede de fibra do municipio coa integración de novas zonas de cobertura. “Estamos a traballar sobre o terreo e falando en persoa con cada un dos veciños que ten que ceder o paso para poder pasar os cables de fibra”, afirmou Reguera, que finalizou indicando que “recentemente avanzouse na solución dalgúns puntos necesarios para poder implementar varias zonas de distintos barrios e empezar a dar servizo canto antes”.
Do mesmo xeito, o edil explicou que se está traballando en contacto permanente cos operadores para facilitar ao máximo as tarefas de implantación e avanzou que actualmente se espera a chegada dun terceiro operador de internet ao municipio. Explica que grazas ao acordo alcanzado coa distribuidora eléctrica local poderanse utilizar os postes eléctricos para o despregamento da rede dunha nova operadora, o que aumentará a oferta e a cobertura de internet de alta velocidade no municipio.