A artista decora un espazo no Centro Deportivo do concello cunha obra que leva por nome Adiante e que dedica á muller que avanza e “fai avanzar o mundo”. Pulido contou para a realización desta obra de gran tamaño coa colaboración das integrantes da Asociación de Mulleres Rurais A Xuntanza.
“Adiante”, que así se titula a obra, reivindica deste xeito á muller que se sae do camiño do preestablecido, “que camiña e se sobrepón” e tamén ao feito de “avanzar xuntas en sororidade”. A deputada provincial de Igualdade e Cultura, Victoria Alonso, e o alcalde de Fornelos, Emiliano Lage, inauguraron este mércores o mural de 13 x 4,5 metros que xa decora este espazo deportivo.
A creadora, que desenvolve unha polifacética traxectoria que abrangue desde a ilustración e o deseño ata os murais, sinala que o seu traballo, no que destacan debuxados uns grandes pés en movemento en cor amarelo, “é unha homenaxe á muller que camiña e fai avanzar o mundo cara ao futuro, pero sen esquecer o pasado”, cara “un feminismo integrador e disidente”. Pulido definiu o traballo como “colectivo” e agradeceu neste senso a colaboración que para pintar o mural tivo das integrantes da Asociación de Mulleres Rurais A Xuntanza de Fornelos, que traballaron xunto a ela nestas pasadas xornadas.