Unha unidade móbil desprázase esta semana a Redondela para facilitar que todos os veciños e veciñas que así o desexen poidan facer as súas doazóns de sangue. Unha vez máis a ubicación será ao carón do concello o venres 5 en horario de mañá e tarde (10:00 a 14:30 e de 16:00 a 21:00 horas) e o sábado día 6 dende as dez da mañá ata as tres da tarde.
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), realiza un chamamento xeneralizado á participación da poboación galega na doazón de sangue e, de maneira especial, aos doantes A Positivo, A negativo e 0 Positivo. As reservas destes tres grupos sanguíneos presentan niveis baixos, polo que é preciso reforzar o permanente chamamento á participación nas campañas de doazón que realiza a Consellería de Sanidade por mediación de ADOS. Polo que cómpre lembrar que os centros sanitarios de Galicia necesitan entre 400 e 500 diarias para desenvolver de maneira eficaz as súas tarefas sanitarias.
En moitos dos labores asistenciais que se realizan a diario nos hospitais de Galicia son imprescindibles os compoñentes sanguíneos. En determinadas épocas do ano pode baixar o número de doazóns, como sucede durante a época estival, pero non acontece o mesmo coa demanda de sangue e os seus derivados que precisan os centros sanitarios. Por iso, é imprescindible a xenerosidade e altruísmo de todos os cidadáns, polo que ADOS solicita un esforzo especial para incrementar as reservas de sangue durante os meses de verán.