Renovouse o peche perimetral, instalouse un gran circuíto de educación viaria no patio e substituíronse as luces interiores por outras de baixo consumo
O Concello de Soutomaior acaba de finalizar os traballos de mellora no CEIP PadínTruiteiro de Arcade para satisfacer as necesidades de profesores e alumnos de cara ao comezo do próximo curso escolar. As tarefas incluían diversas revisións e reparacións nas aulas, patios e elementos de recreo ademais da instalación dun circuíto de seguridade viaria e unha gran renovación no sistema de iluminación.
A mellora máis importante tiña como obxectivo o reducir o consumo enerxético do centro e facelo máis eficiente. Para iso substituíronse todos os tubos fluorescentes do edificio, algo máis de 400, por outros baseados en tecnoloxía LED de baixo consumo e menor potencia, pero maior luminosidade. Un investimento de case 5.000 euros que, segundo o estudo previo, amortizarase en menos dun ano.
Os traballos de mellora continuaron coa renovación do peche exterior do recinto e a instalación dun circuíto de seguridade viaria co que os alumnos poderán aprender as normas básicas de circulación durante os seus recreos e momentos de xogo.
Por último, pintáronse aulas e realizouse unha limpeza e actualización do estado da cuberta do edificio principal. Ademais, revisáronse aspectos de habitabilidade fundamentais como a instalación eléctrica, os elementos de climatización, o mobiliario e as billas dos aseos.
?Todos os anos realizamos varias melloras no colexio público para atender as peticións dos profesores e garantir que os alumnos poden comezar o curso nas mellores condicións posibles?,explicou o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, indicando que tamén levaron a cabo varias melloras na Escola Infantil A Galiña Azul e na Escola Infantil de Romariz.