O concurso público para renovar mil luminarias LED en Redondela quedou sen adxudicar. Unha situación que en AER consideran especialmente grave ao teren contratados o concello tres electricistas desde abril que debían encargarse da colocación das novas lámpadas “traballadores que finalmente se dedicaron case exclusivamente á iluminación das festas en vez de atender ás necesidades da veciñanza, colocando fontes de luz apropiadas para o inverno”.
Explican dende AER que hai case seis meses, a alcaldesa de Redondela anunciou, en plena negociación dos orzamentos, a compra das novas lámpadas por un importe de 70.000 euros así como a contratación de tres especialistas para a colocación da nova iluminación. “Pero o plan está moi lonxe de ser levado adiante” asegura o edil Roberto Villar,”ao comprobar que o prego do concurso incumpría a normativa xa que nel se especificaba a contratación de lámpadas non permitidas por lei xa que estas referíanse a unha marca específica -que nunca deben aparecer nos contratos públicos – e de dubidosa calidade”.
O proceso de modernización da iluminación de Redondela remóntase a principios de verán de 2021 cando AER (que entón formaba parte do goberno) decidiu a compra de novas unidades LED con potencias de 30 e 60 w co compromiso de instalalas ao longo de 2022 e que estiveran a pleno rendemento no inverno. Este contrato de compra quedou paralizado tras a crise que orixinou a ruptura do pacto de goberno. Entón, o novo concelleiro do PSOE, nomeado por Rivas e que substituía a Villar, decidiu mudar as condicións do concurso.
O incumprimento dos prazos no contrato, segundo destaca AER, é aínda máis grave neste caso ao ter contratados a tres electricistas desde abril para poder acometer o plan, traballadores que finalmente se dedicaron case exclusivamente á iluminación das festas en vez de atender ás necesidades da veciñanza, colocando fontes de luz apropiadas para o inverno”.
Desde AER lamentan a tardanza e os inconvenientes que isto está a provocar para os veciños e piden a Rivas que desbloquee o plan de mellora e que o acometa de xeito urxente. “O máis probable é que cos 70.000 euros previstos xa non poida mercar nin mil senón 600 unidades, pero que dea resposta dunha vez a esta necesidade para Redondela”, conclúe Roberto Villar.