As chuvias que se esperan ou as ocasionais que nos acompañaron nas últimas semana non son suficientes para encher uns depósitos que se atopan medio baleiros logo dun verán especialmente seco. O temor a que o mes de outubro sexa tamén pouco chuvioso fai que as Comunides de Augas extremen as precaucións e manteñan as restriccións en canto ao consumo. Ese é o caso da comunidade do barrio de Asnelle en Reboreda que manteñen o limite nos 250 litros por vivenda.
A prudencia é o que marca esta medida segundo explica o presidente da comunidade, José Manuel Caride. Insiste en que neste momento a situación non é preocupante “superado o verán a xente non precisa de tanta auga para regar e o consumo adoita baixar, ademais contamos cun novo depósito pero, con todo, optamos por manter ese baremo dos 250 litros en vistas ao que poida pasar de cara a outubro”. Insiste en que ten que chover máis totalmente a normalidade.
Aplaude tamén o comportamento veciñal que “asumiu de bo grado as restricións porque son conscientes de que existe un problema coa auga” e agradece tamén que moitos veciños tiraran dos seus pozos para non gastar da traída e garantir así o abastecementos aos que non contan con subministro propio “déronnos unha lección de comunidade e de comportamento responsable”.
Encoro de Eiras
En canto a situación do encoro de Eiras, do que se abastecen os veciños de Redondela que reciben augas a través da traída municipal, atópase nestes intre a un 72% da súa capacidade. O volume de auga embalsamada ascende a 16 hectómetros cúbicos o que representa o 72% da súa capacidade total. O dato non é preocupante pero si marca unha tendencia, xa que o ano pasado a estas alturas atopábase a un 81%, nove puntos por riba respecto a este ano.