Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Polémica en torno ao uso dunha parcela en Cesantes

san pedro cesantes

Un solar, próximo á igrexa da parroquia de Cesantes, foi motivo de polémica no último pleno municipal. Os posibles usos futuros para esta parcela que se escoitaron na sesión foron do máis variado: dende un punto de acceso a un posible paseo marítimo, a creación dun auditorio a ceo aberto, a construción dunha pista de patinaxe ou a instalación dun pump track, un circuíto para a práctica do BMX. O goberno local comprometeu que “calquera actuación falarase previamente coa veciñanza”.

O que era unha cuestión de trámite, o cambio de uso dunha parcela da rúa San Pedro en Cesantes que na actualidade está denominada como de uso escolar pero que, segundo explicou a concelleira de urbanismo María Castro “na realidade estaría empregándose como uso deportivo”, acabou xerando polémica ao saír á luz os intereses dos diferentes partidos políticos para dita parcela.

Así, dende a oposición facían referencia ao interese que habería detrás deste cambio de uso: un proxecto por parte do goberno local para construír alí unha pista de pump track, unha pista de patinaxe e outras infraestruturas de carácter deportivo.

Dende o BNG reclamaban que dita parcela “situada nun sitio privilexiado se converta nun espazo referencial de cara a un posible paseo marítimo de Cesantes”.

Xoán Carlos González, BNG

Tamén AER sumábase a petición do BNG para que o tema quedara sobre a mesa e convocar unha xuntanza nas vindeiras semanas cos veciños da parroquia e explicar exactamente en que consiste o cambio de uso e cal sería o proxecto que se baralla para dito espazo.

Daniel Boullosa, AER

O PP criticaba aos socialistas por querer facer un proxecto “pola porta de atrás e que non puideron sacar adiante cando se decataron de que ao estar esa parcela como uso escolar non podía ser usada para os seus intereses que era, entre outros, facer unha pista de pump track”. Reclamaban tamén a retirada do punto e unha negociación previa coa veciñanza da parroquia.

Iván Crespo, PP

María Castro acusaba ao PP de terxiversar a realidade e enganar a veciñanza “aquí o único que se trae é o cambio de uso para unha parcela que se emprega para facer deporte”. Nos queremos dotar a veciñanza “das mellores instalación posibles”. Sabemos que se emprega para celebra a Festa de San Pedro, como zona de estacionamento e para outros usos” e asegurou que “calquera actuación que o concello vaia facer nesta parcela vai recoller eses usos cotiáns que xa se realizan alí”.

María Castro, PSOE

Insistía tamén a concelleira de goberno que o cambio de uso “é necesario para facer calquera tipo de proxecto” e aceptaba deixar a cuestión sobre a mesa tal e como reclamaban dende a oposición.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará