A Federación Galega de Deporte Adaptado (FGDA), celebrou no pavillón da Marisma a 3ª xornada da liga Galega de Fútbol sala na que participan equipos de toda a comunidade. O redondelán ASDAN foi o gañador da competición non adaptada e o Celta Integra A o gañador da Adaptada.
Unha cita que enfrontou a 11 equipos de toda Galicia cun total de 120 deportistas que competiron en 2 categorías: Competición e Adaptada.
Entre os integrantes da competición atopábanse a Fundación Celta Integrada, o equipo San Rafael, Juan XXIII e ASDAN, este último representado a Redondela. Por outra banda na competición adaptada xogaron os equipos ASPANAEX, Juan María, Fundación Celta Integra “ A”, Fundación Celta Integra “ B”, Saladino Cortizo “ A”, Saladino Cortizo “ B” e San Rafael.
Ó evento deportivo acudiu a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, para apoiar e agradecer o traballo que fai a Federación Galega de Deporte Adaptado. En palabras da alcaldesa “a federación realiza un gran traballo e pon o punto de atención sobre o deporte adaptado organizando disputas de alto nivel. Este tipo de encontros demostran o valor dos deportistas galegos”.
Durante o evento atopábanse a secretaria da federación, Susana García e o director técnico da Federación, Domingo Salinas quen lembrou que “despois do parón provocado pola pandemia, este ano 2022 retomamos aos poucos as actividades que vimos desenvolvendo cada ano. Desde a Federación estamos moi agradecidos á total colaboración do Concello de Redondela sempre que solicitamos facer calquera evento de deporte adaptado”.