O mal estado do firme nas estradas afectadas pola actuación, polas que circulan diariamente centos de vehículos, supón un risco evidente sobre todo co temporal que azouta Galicia. A Agrupación asegura que o goberno local é responsable da situación “por non urxir á empresa concesionaria a reposición provisional das gabias, á que está obrigada por contrato”.
A Agrupación de Electores de Redondela, AER, denuncia o abandono, por parte do goberno de Digna Rivas, e incumprimentos reiterados da empresa concesionaria que está a realizar as obras de saneamento, abastecemento e pavimentación na contorna do Pazo Torres Agrelo. A día de hoxe, explican “o firme das estradas que bordean o pazo, polas que circulan a diario centos de vehículos, presenta buracos, fochancas e charcos que fan moi difícil o tránsito rodado na zona”.
A Agrupación entende que, ante esta situación, debe ser o concelleiro de Vías e Obras quen reclame á dirección da obra que faga a reposición provisional das gabias namentras non estea listo o asfaltado final, sobre todo tendo en conta a situación meteorolóxica. Con esta solución, habitual neste tipo de actuacións, evitaríanse as inundacións e manteríase o firme en condicións óptimas para o tránsito rodado. Asemade, AER reclama que, de xeito urxente, se sinalicen as zonas afectadas co fin de garantir a seguridade vial.
A actuación na contorna de Torres Agrelo é un proxecto que coñece ben AER “foi durante o seu paso polo goberno local cando saiu adiante. De feito, mentres estivo a Agrupación ao fronte da concellería de Medio Ambiente leváronse a cabo as modificacións necesarias, eliminando o trazado da rede de saneamento do interior do Pazo, que supuña un informe desfavorable por parte de Patrimonio e conseguindo tamén a aprobación de ADIF”.