O Parque da Diversidade, espazo deseñado para dar visibilidade e normalizar ás diferentes sensibilidades e formas de sentir, foi inaugurado polo Concello de Soutomaior hai menos dun ano. Un espazo que, segundo denuncian dende o BNG, “será desprazado xa que no lugar que ocupa actualmente o parque está previsto construir un skatepark”.
A falta de chan municipal, unido a que o Concello de Soutomaior non contaba cos permisos cando en febreiro do 2021 anunciou a ampliación do SkatePark do peirao fai que agora o goberno local se miren na obriga de desprazar este espazo de lecer, unha obra que supuxo un investimento de 20.000 euros, a unha nova ubicación.
“Nada facía sospeitar no mes de maio pasado, cando o Concello de Soutomaior inauguraba o Parque da Diversidade que dito lugar non chegaría a cumprir o ano de vida, xa que o Concello de Soutomaior, decidiu desprazalo e crear no seu lugar un SkatePark” explica o voceiro do BNG, Manu Lourenzo, quen engadiu que a construción do skatepark podería conlevar cortar varias das árbores dunha das únicas zonas verdes existentes dentro do espazo urbano de Arcade.
Entenden ademais que a pista de skate neste lugar supón “apartar os rapaces que practican esta modalidade deportiva da zona onde están as demais pistas de ocio vinculadas ao deporte urbano, e única e exclusivamente pola falta de proxecto dun Alcalde, que como ben denotan estas situacións, está instaurado na máis absoluta improvisación” concluíu.