Coincidindo coa súa etapa de floración da camelia, volven as visitas aos xardíns do Castelo de Soutomaior. A partir do 2 de febreiro e ata o 30 de marzo celebraranse as dúas modalidades destas visitas, guiadas e teatralizadas, polo Xardín de Excelencia Internacional do complexo. As persoas interesadas poderán adquirir os seus tickets a partir do venres 27 de xaneiro na web www.castelodesoutomaior.com.
“As camelias do Castelo. Un Xardín de Excelencia” arrancará o 2 de febreiro coas Visitas Guiadas. Son rutas polos xardíns guiadas por persoal especializado do Castelo e centradas na floración dos distintos tipos de camelia. Contarase a evolución histórica desta especie, así como as variedades máis significativas deste xardín. Serán 17 sesións cun total de 340 prazas e terán lugar os martes e xoves ás 16.30h ata o 30 de marzo. Deste xeito, en febreiro celebraranse os días 2, 7, 9, 14, 16, 21, 23 e 28 e, en marzo, o día 2, 7, 9, 14, 16, 21, 23, 28 e 30. O prezo é de 3€.
No que atinxe ás Visitas Caracterizadas, de novo estarán protagonizadas por actrices que encarnarán a María Vinyals, Emilia Pardo Bazán e Coco Chanel, que serán as encargadas de amosar os xardíns de Camelia. A continuación, as persoas participantes poderán visitar o Castelo de Soutomaior de maneira autoguiada e gratuíta. Serán un total de 28 sesións con 560 prazas (tamén 2o cada unha), que comezarán o sábado 4 de febreiro e celebraranse as fins de semana de febreiro e marzo, con dúas quendas por día, ás 12 e 16 horas. En febreiro serán os días 4, 5, 11, 12, 18, 19 e 25 e en marzo o 4, 5, 11, 12, 18, 19 e 25. O prezo é de 8€.
Amais de coñecer todas as variedades de camelias do Xardín de Excelencia Internacional do Castelo, así como a súa orixe, coidados e curiosidades, a visita inclúe tamén o percorrido polo “Xardín de Camelia con nome de muller”, que xa inclúe exemplares en honor de María Vinyals, Rosalía de Castro, Bella Otero, Jane Andresen, Sofía Novoa, Emilia Pardo Bazán, Juana de Vega, Jimena Fernández de la Vega e María Casares. As visitas guiadas ofrecen tamén a posibilidade de coñecer á plantación de té de camelia existente nos Xardíns, coa explicación das diferentes variedades de té, a súa historia e os seus principais beneficios.