Desenvolverase os días 10 e 11 de marzo nos supermercados de Vegalsa-Eroski. Para participar como voluntario nesta Operación Kilo só se require contar con catro horas libres o venres ou o sábado 10 e 11 de marzo e apuntarse na web: https://bancoalimentosvigo.org
A Fundación Provincial Banco de Alimentos busca cincuenta voluntarios en Redondela para colaborar coa campaña o Zampakilos Solidario, que se desenvolverá os próximos venres, 10, e sábado, 11 de marzo nos dous establecementos do municipio da cadea de alimentación galega Vegalsa- Eroski.
Esta nova edición do Zampakilos Solidario terá unha fórmula mixta, de maneira que os doantes poderán entregar alimentos físicos aos voluntarios ou realizar achegas económicas cando pasen pola caixa do supermercado.
A Fundación Provincial Banco de Alimentos repartiu preto de dous millóns de quilos alimentos durante 2022, un ano no que mellorou substancialmente a denominada cesta básica, adquirindo e repartindo alimentos máis saudables.
Atende a 20.000 persoas
Actualmente, a organización atende a unhas 20.000 persoas da provincia en situación de vulnerabilidade, ás que chega a través de máis de 150 ONG e entidades homologadas coas que traballa.
A campaña do Zampakilos Solidario necesita a 500 voluntarios e desenvolverase de maneira simultánea en Vigo, Redondela, Mos, Porriño, Baiona, Nigrán, Pontevedra, Lalín, Vilagarcía, Marín, Arcade e Bueu.