Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A Deputación investiu en Redondela 14’4 millóns en oito anos

depu

A presidenta Carmela Silva fai balance de xestión dos últimos dous mandatos nos que a Administración provincial “investiu un 87% máis que cando gobernaba o PP”. En toda a comarca- Redondela, Soutomaior, Pazos e Fornelos- nestes oito anos teríanse investido máis de 32 millóns de euros “sempre baixo criterios obxectivos e favorecendo a todos os concellos independentemente de cal sexa o partido que os goberne”. Aproveitou a súa presenza en Redondela para criticar o abandono da Avenida Mendiño por parte da Xunta “o goberno galego decidiu paralizar a actuación cando o PP perdeu a alcaldía”.

A Deputación alcanza un investimento acumulado de 32,2 millóns de euros nos concellos Redondela, Fornelos de Montes, Pazos de Borbén e Soutomaior. A presidenta, Carmela Silva, fixo balance de xestión na recta final deste segundo mandato á fronte da Administración provincial reivindicando a necesidade de comunicar a cidadanía que se fai cos cartos público “demostrando  con datos que transformamos esta provincia con investimentos estables tódolos anos e tamén con cero euros de libre disposición, en contraste cos 20 millóns que o anterior presidente da Deputación manexaba tódolos anos ao seu criterio”.

Carmela Silva,presidenta de Deputación

A presidenta comentou especificamente o caso de Redondela, para recordar que “a Xunta asinou co anterior alcalde do PP un deses convenios a dedo para obras de humanización da avenida de Mendiño con 1,6 millóns de euros, pero en canto perderon o Goberno de Redondela paralizaron o proxecto e decidiron incumprir cun convenio asinado” cualificando de “vergoñento” o estado no que se atopa esa estrada.

No seu percorrido polos concellos puntualizou que nestes dous últimos mandatos Redondela recibiu 14,4 millóns de euros millóns de euros; Fornelos de Montes, 6,2 millóns de euros; Pazos de Borbén, 4,9 millóns de euros e Soutomaior, 6,7 millóns de euros. Un fluxo que chegou maioritariamente do Plan Concellos, que se distribúe anualmente con criterios nos que se valora a poboación, extensión e dispersión. A este reparto, Carmela Silva, sumou ademais os 1,8 millóns de euros investidos pola Deputación nestes últimos anos na posta en valor da “xoia” que é castelo de Soutomaior, co gran proxecto de musealización á cabeza de tódalas intervencións. Adiantou que hai presentado un proxecto de 3 millóns de euros aos fondos Next Generation para facer “un cambio espectacular” na iluminación do castelo e os seus  xardíns. “Hoxe é un castelo da xente, para o turismo e a cultura, e xa non un mero recurso para actos electorais do PP”.

Puntualizou tamén como obras salientables en Redondela, entre as 51 executadas, a humanización da avenida de Santa Mariña (a piques de rematar), a ampliación do paso superior sobre a liña férrea en Os Valos, ou a pavimentación da contorna do Pazo de Torres de Agrelo. Lembrou que a día de hoxe estase construíndo o aparcamento de Vilavella (546.536 euros) ou a renovación de redes de servizos no camiño de Cidadelle (355.465 euros).

En Fornelos de Montes o Plan Concellos financiou 39 obras (3,1 millóns de euros), como pavimentacións e ensanches de camiños, a reforma do centro cultural de Pardalongas ou a plataforma para a cafetería da praia fluvial de Portovilán. Agora mesmo estanse realizando melloras rurais en Calvos e pavimentando camiños, por valor de máis de 160.000 euros. En Pazos de Borbén, 26 obras (3,3 millóns de euros) para ampliar saneamentos, pavimentacións e construír a senda peonil e ciclista entre Moscoso e Xunqueiras. Nestes intres estase reformando o centro social de Cepeda (103.447 euros) e acondicionando a zona deportiva de Nespereira (49.231 euros). Finalmente, en Soutomaior executáronse 51 obras (4,4 millóns de euros) para mellorar fontes e lavadoiros, humanizar a rúa do Peirao (Arcade) e habilitar o local multifuncional de Moreira.  Entre as actuacións en marcha están a humanización da rúa Lameiriña e praza de Cimadevila (286.208 euros) ou a pavimentación de camiños en Barreiros, O Conde, Piñeiro e Rial (206.365 euros).

Estrada Amoedo-Os Valos

A presidenta da Deputación falou tamén das estradas provinciais da comarca insistindo en que “ningunha Administración fai un investimento comparable pola mellora e mantemento da súa rede, a pesar de que as estradas provinciais suman máis quilometraxe na nosa provincia que as estatais e autonómicas xuntas”. Destacou entre outras obras a transformación da estrada redondelá de Os Valos-Guizán, con 402.341 euros para dotala de senda peonil e plataformas de convivencia con preferencia para as persoas. Detívose especialmente no caso da estrada de Amoedo a Os Valos tan demandada pola veciñanza e “que a Deputación leva catro anos tratando de impulsar, cunha actuación de ensanche e pavimentación de 968.384 euros e que sufriu ata o de agora a falta de colaboración municipal para a ampliación da sección da vía. Ademais, avanzou a presidenta provincial, a Deputación quere continuar esta obra cunha segunda fase en torno ao núcleo de Nespereira, que incluirá unha senda peonil no marco do modelo de mobilidade integral.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará