Normalización Lingüística inicia este venres un ciclo de cinema galego no que se inclúen ademais os títulos “Beiras. Vivir 2 veces”, o día 14 de abril e “Corpo aberto” o día 5 de maio baseado no conto “Arraianos”, de Xosé Luís Méndez Ferrín. A primeira das proxeccións será mañá venres ás 20h no Multiúsos da Xunqueira co filme-documental “10 de marzo”. Logo do visionado os asistentes poderán conversar co seu director, Roi Cagiao, quen falará tanto da película como do momento histórico que representaron as folgas de Ferrol e Vigo en 1972.
O Servizo de Normalización Lingüística retoma así unha proposta posta en marcha antes da pandemia coa proxección de filmes do Novo Cinema Galego e os posteriores coloquios. A primeira proxección será o filme-documental “10 de marzo” película na que se retrata o momento das folgas de 1972 que en Vigo tiveron unha masiva mobilización, e na cal participaron de maneira solidaria empresas e traballadores/as de Redondela. Esta folga está considerada como unha das mobilizacións a prol da democracia máis importantes na fase final da ditadura franquista. A represión, cadea e torturas deixaron unha dura lembranza en moitas familias.
Con este filme comezamos un ciclo de cinema galego que inclúe dúas proxeccións máis. “Beiras a vivir 2 veces” é un documental centrado na figura de Xosé Manuel Beiras, un dos políticos e intelectuais máis destacados dos últimos 50 anos en Galicia. Referente ideolóxico para boa parte do nacionalismo e a esquerda do país. Proxectarase o día 14 de abril.
Pechará o ciclo “Corpo aberto”, película de terror ambientada na Galicia de comezos do século pasado e dirixida por Ángeles Huerta.