O I Concurso de Canto Xuvenil “Voces de Redondela 2023” celébrase durante o mes de abril e está pensado para mozos e mozas entre 9 e 17 anos. A inscrición está aberta ata o domingo 12 de Marzo vía online na páxina web da organizadora Pilar Moráguez.
Moráguez explica que o obxectivo do concurso é desenvolver e incentivar a cultura musical dos máis novos, fomentando o seu coñecemento, práctica e apreciación brindándolles a oportunidade de poder amosar o seu talento integrando as novas tecnoloxías coa experiencia presencial ante un público.
O Concurso desenvolverase en tres fases eliminatorias a través do voto popular que poderá facerse por internet, na páxina web de Pilar Moraguez. Tamén haberá un xurado profesional composto por mestres redondeláns e vigueses entre os que se atopan a pianista concertista e profesora do Conservatorio Profesional de Vigo, Arabel Moráguez; o mestre redondelá Alberto Vilas, actualmente profesor de piano no Conservatorio de Pontevedra; a profesora de canto do Conservatorio Superior de Vigo, Beatriz Roibó e o barítono e mestre redondelán Fran Pérez .
A Fase Final do concurso será con público en vivo o venres 28 de Abril no Auditorio do Multiusos da Xunqueira. Haberá diversos premios, contando co apoio e colaboración de comerciantes e empresas de Redondela. O gañador ou gañadora recibirá unha bolsa de estudos de canto para potenciar o talento musical e vogal e clases persoais coa Soprano, Directora de Coro e profesora de Canto Pilar Moráguez.
Aquelas persoas interesadas en participar poden poñerse en contacto con Pilar Moráguez a través do número de teléfono 626 10 92 91 ou no enderezo electrónico soprano@pilarmoraguez.com. O prazo de inscrición está aberto na páxina web ata o 12 de marzo.