A Concellería de Igualdade de Redondela oferta unha formación pioneira dedicada a igualdade de oportunidades para futuros e futuras profesionais da Formación Profesional. O curso será impartido pola educadora Lucía Pereda Pérez da Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades Galega, APAIOGA e impartirase nos IES de Chapela e no IES Pedro Floriani. Para completar a formación, con total validez académica e puntuable en calquera oposición, deben cumprirse as 10 horas que se esixen.
A alcaldesa Digna Rivas quixo resaltar a importancia dunha formación “pioneira no municipio e que conta con validez académica. Sabemos que ter formación en igualdade é imprescindible para o futuro laboral na actualidade. Non só porque é importante educar desde a perspectiva de xénero senón tamén porque moitas empresas esixen algún tipo de formación similar, polo que complementará os seus estudos de cara ao CV”.
O obxectivo desta formación é sensibilizar a homes e mulleres no valor social da igualdade como eixo para o desenvolvemento social, promover que profesionais de distintos ámbitos incorporen a perspectiva de xénero no exercicio das súas actividades laborais e sensibilizar en igualdade de oportunidades entre mulleres e homes para conseguir eliminar a brecha existente entre a igualdade legal e a igualdade real.