A cabina da Praza da Constitución é un dos espazos elixidos para o empréstito de libros
A proposta de Normalización Lingüística consiste en ofrecer libros para compartir que estarán a disposición nas denominadas “Cabinas literarias”. Unhas cabinas actualmente en desuso que están sendo retiradas noutros municipios pero as que Redondela quere darlles outra vida reconvertendo as situadas na Fonte de Santiago, Praza da Constitución e Praza de Ribadavia en pequenas bibliotecas.
Unhas cabinas que xa están a ser decoradas na súa parte exterior co rótulo “pasen e lean” e con explicacións de cómo vai ser o seu funcionamento, tan sinxelo como que pode coller un dos libros alí expostos calquera que o desexe, lévalo para casa e devolvelo unha vez que o lea. Tamén “se aceptan doazóns” é dicir, que a veciñanza pode colaborar deixando nese espazo aqueles libros que queiran compartir con outras persoas lectoras. Uns textos que se enriquecen tamén con referencias á historia do teléfono, dende a súa invención ata a súa evolución ao longo da historia.
Esta proposta, posta en práctica noutras cidades europeas, pretende aproveitar o mobiliario en espazos públicos para convertelos en espazos culturais abertos.
Lectura en galego nas salas de espera
Unha iniciativa que chega cando tamén está en marcha outras proposta do Servizo de Normalización Lingüística que consiste en colocar nun pequeno stand os libros das parroquias –que está a editar o propio Concello- que animen á lectura en lingua galega e á vez o coñecemento da riqueza patrimonial das parroquias. Neste sentido, dende o departamento, destacan a boa acollida que houbo por parte dos locais: “participan arredor de 30 establecementos de todo tipo. Queremos agradecerlles a súa colaboración porque tanto a Administración como o pequeno negocio son pezas clave para a normalización da lingua e literatura galegas” afirmou a alcaldesa, Digna Rivas.
A campaña non ten data de caducidade “nas anteriores campañas, feitas en cafetarías e establecementos de beleza, en colaboración coa Asociación de Empresairos, a recepción foi moi positiva. Tanto que dos primeiros libros levamos publicados 1500 de cada un, o cal acada unha cifra nada menor. Desta maneira a cultura e a lingua entran nas casas redondelás. Isto é o máis importante: fomentar a lectura en galego, facilitar o achegamento aos libros e dar opción de descubrir a propia historia local”.