Encontro celebrado no 2019 e que se recupera agora xa superada a pandemia
Unha actividade que busca poñer en valor e visibilizar o traballo das mulleres no mundo empresarial e que forma parte das iniciativas que ao longo deste mes organizou a Asociación de Empresarios co gallo do 8M. O encontro desenvolverase en horario de mañá este xoves día 30. Compre inscrición previa a través da páxina web da asociación.
O número de mulleres que lideran proxectos empresariais no ámbito local está case no 45%, con porcentaxes de representación sectorial moi dispares que van dende un 11% no sector industrial ata case o 52% no sector comercial. Uns datos que a Asociación de Empresarios quere poñer en valor salientando que “estamos acadando a paridade no que se refire a presenza da muller no sector económico”.
E precisamente para animar e apoiar a todas esas mulleres emprendedoras organizan este xoves un encontro no que desenvolverán diferentes actividades e que arrancará coa ponencia “Como potenciar o teu negocio en 50 minutos” a cargo de Iria Alvarez Regueira, consultora empresarial especializada en marketing dixital.
Tras a primeira charla, empresarias e emprendedoras locais contarán a súa historia e experiencia presentando os seus proxectos e achegaráselles tamén as asistentes información en torno a subvencións, redes de apoio centrándose nos recursos aos que podemos acceder cando nos decidimos a emprender, a relevancia do turismo no ámbito local ou a dixitalización e comercio electrónico, entre outras temáticas.
A xornada rematará cunha rolda de intervencións e coloquio institucional coa presenza da directora de turismo de Galicia, Nava Castro, a secretaria xeral de apoio ao emprego, Covadonga Toga, a xerente da Fundación Pública Galega da formación para o emprego, Rosana López e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas.
Unha programación en torno ao 8M que durante este mes tamén se desenvolveu nas redes sociais da asociación de empresarios que de xeito diario están a publicar un par de historias de establecementos que están liderados ou coliderados por mulleres. Uns pequenos audivoisuiais onde se destaca ese traballo da muller en todos os sectores económicos existentes, tamén en sectores masculinizados.