Un ano máis o concello promove co gallo do Día das Letras Galegas, un concurso relacionando a comunicación, a mocidade e a lingua galega. Orientado ao alumnado de ESO e Bacherelato, para participar deben presentar un traballo en lingua galega en formato texto ou audiovisual, no cal se transmita unha idea, sentimento ou unha opinión. Os traballos deben presentarse antes do 11 de maio. Os gañadores poderán facerse con diferentes premios como smatphones ou auriculares inalámbricos.
Co gallo do Día das Letras Galegas o Concello de Soutomaior, a través da Concellería de Xuventude, promove este concurso relacionando a comunicación, a mocidade e a lingua galega consistente na presentación dun traballo en lingua galega que pode ser presentado en formato texto – redacción ou audiovisual. O obxectivo da actividade é visibilizar o uso da lingua galega en contextos culturais, de lecer e tecnolóxicos para potenciar os seus valores como unha lingua próxima, útil e moderna e rachar estereotipos.
Os mozos e mozas matriculados no IES de Soutomaior ou no Colexio Santiago Apóstolo poderán participar presentando un texto en lingua galega como máximo de 12 liñas. Na modalidade audiovisual deberán elaborar un vídeo (curta) ou audio (tema musical ou outros) cunha duración máxima de 5 minutos. Neste caso a presentación poderá ser individual ou de grupo/clase. Pode ser gravado con móbil ou cámara. Obrigatorio que teña mensaxe en galego escrita ou verbal ou ambas pero sempre en galego.