O PP presentará a súa lista encabezada por Javier Bas este venres nun acto que contará coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda e que se desenvolverá ás 20:00 horas na praza da Casa da Torre (trasladarase ao Convento de Vilavella en caso de chuvia). A mesma hora, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón arroupará a Xoán Carlos González na presentación da súa lista nun acto que terá lugar no Pazo de Petán.
PP e BNG elixiron este venres 21 para dar a coñecer a súa lista electoral, malia que xa teñan confirmado a varios dos seus integrantes. Así, os nacionalistas xa presentaran o primeiro tramo da súa candidatura hai un mes, unha lista cremalleira liderada Xoan Carlos González acompañado da concelleira Jéssica García. No número tres David Couñago Mouriño que participa no movemento asociativo en Reboreda, a responsable comarcal da organización xuvenil Galiza Nova Iria Custodio Fabre no número catro e José Rodríguez Gómez, tradutor especialista en linguaxe de videoxogos e coordinador de campaña no número cinco.
No caso do PP xa desvelaron que xunto a Javier Bas recuperan para a súa candidatura a Ana Alonso, que ocupará o número 2, e que liderará a xestión económica, traballo que xa fixera no primeiro mandato de Bas, entre 2011 e 2015; María José Barciela, número 3, ex tenente de alcalde e concelleira de Vías e Obras que, no caso de que o PP recupere a Alcaldía, estará á fronte da nova ‘superconcellería’ de parroquias, e Sandra Bastos, número 6, que asumiría a dirección dos servizos sociais municipais.
Os partidos apuran así os días de precampaña de cara a un comicios que se desenvolverá o 28 de maio. A máis madrugadora neste sentido foi a actual alcaldesa, Digna Rivas quen presentou a súa candidatura nun acto aberto que tiña lugar o pasado sábado na praza de Ponteareas.
Falta por coñecerse a lista que presentará a Agrupación de Electores, unha vez que xa superaron as 500 sinaturas que precisan para poderen presentarse a estes comicios, previsiblemente en breve darán a coñecer quen vai liderar a súa candidatura así como o resto dos seus integrantes.