“A illa das historias” é o nome do primeiro campamento xuvenil que se celebrará en San Simón do 3 ao 10 de agosto. Oferta un total de 30 prazas orientadas a mozos e mozas de entre 13 e 16 anos. O período de solicitude de praza nos campamentos da Xunta permanecerá aberto ata o vindeiro día 2 de maio
A Illa de San Simón acollerá en agosto un campo de voluntariado e será escenario por primeira vez dun campamento xuvenil, dentro da programación da Campaña de Verán da Xunta de Galicia. Así o deu a coñecer onte a Conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García quen explicou na propia illa que o novo campamento leva por nome ‘A illa das historias’ e que polo mesmo pasarán do 3 ao 10 de agosto unha total de 30 mozos desde os 13 aos 16 anos de idade.
Os participantes, que deberán saber nadar, coñecerán a historia deste enclave que foi testemuña de traxedias e avatares marítimos, refuxio monacal, lazareto para persoas con enfermidades infecciosas ou cárcere na guerra Civil e nos primeiros anos do franquismo. Ademais, contarán cunha ampla proposta de actividades como obradoiros artístico-literarios, de tradición marítimo-pesqueira e tamén de educación ambiental.
O prazo para solicitar praza nun dos campamentos da Xunta abriuse este martes, e permanecerá aberto ata o vindeiro día 2 de maio. As familias deberán facer as solicitudes a través da sede electrónica da Xunta e contan con toda a información sobre a oferta deste ano na páxina web de Xuventude (www.xuventude.net).
Campo de voluntariado
Ademais, están tamén habilitados os formularios para pedir praza nun dos campos de voluntariado da Xunta, que poderá facerse desde a páxina web de Xuventude. Están dirixidos a mozos de entre 18 e 30 anos e a convocatoria estará aberta ata tres días antes do comezo de cada campo. O campo de voluntariado da Illa de San Simón, que se celebra desde os tres últimos anos, terá lugar do 1 ao 12 de agosto. Contará con 15 prazas e a temática será teatral.