Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Arrancan as obras para transformar en Museo as antigas Casas dos Mestres na Avenida Mendiño  

casa mestres

A actuación, a cargo da empresa Obras Gallaecia SL, conta cun investimento de 475.898 euros e contempla a construción do Museo etnográfico “Angel Barros” así como diferentes espazos que se dedicarán a actividades culturais. Dende o goberno local amosan a súa satisfacción polo inicio dunha obra que está previsto que remate no prazo de nove meses.

A rehabilitación das coñecidas como Casas dos Mestres na Avenida Mendiño arrancou esta mesma semana co obxecto de crear novos espazos de carácter cultural. Un inmoble que dende hai décadas ven sendo obxecto de diferentes propostas pero cuxa rehabilitación nunca chegou a levarse a cabo.

A actuación, que obrigou a cortar parte dun dos carrís da Avenida para poder acometer as obras de derrube nas que está a traballar unha grúa de gran tamaño, corre a cargo da Empresa Obras Gallaecia que se fixo coa adxudicación do proxecto por algo máis de 475.000 euros.

A obra contempla a transformación desta parcela, na que actualmente están as antigas vivendas, coa reconstrucción dos edificios con duas alturas, nos que se creará un espazo cultural polivalente na planta baixa, onde quedará instalado un espazo museístico, con salas de exposición tanto permanentes como temporais, sala de interpretación e espazo para un taller que permita a realización de actividades creativas.

Dende o goberno socialista amosan a súa satisfacción polo inicio desta obra nun edificio desafectado dende o 2006 e que dende entón pertencía ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. Non sería ata o ano 2021 cando o concello se faría coa titularidade de xeito gratuíto das “antigas vivendas dos mestres”, inmoble que pasaba nesa data a formar parte do inventario municipal.

O espazo museístico levará o nome de Angel Barros, artista redondelán que no pasado mes de marzo formalizaba coa alcaldesa Digna Rivas e ante notario a doazón de parte da súa obra co obxecto de que sexa exposto no futuro museo que albergará obras de diferentes disciplinas e formatos, todos eles enfocados á historia de Redondela. A doazón, valorada en máis de 300.000 euros, está composta por 150 cadros que quedarán expostos ao público en cando o museo estea completamente operativo.

O proxecto museístico non será un simple espazo pictórico, senón que está previsto que albergue máis disciplinas e formatos enfocados á historia de Redondela, a memoria e a vida dun pobo e busca “dar resposta a unha reclamación histórica como era a da cesión do edificio da casa dos mestres e a súa transformación para uso da veciñanza”, segundo explicou no seu día a alcaldesa.

Dende o goberno lembran que malia barallarse a posibilidade de dedicar estas vivendas a outro usos, como por exemplo, para vivenda social, esta opción quedou descartada debido a que no cambio de titularidade o Ministerio establece que o concello non pode ceder a inmoble a terceiros e porque, ao estar en dominio marítmo-terrrestre, non se permite o seu uso residencial.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Unha resposta

  1. Os museos de Redondela non piden ser producto de doacions, véase a Casa da Torre coa colecciòn de Sargadelos, e agora a colecciòn de Angel Barros, todos os museos en pobos pequenos que coñezo e son “rentables” , coñezo moitos, albergan coleccions de artistas contemporáneos, con preferencia locais pero tamén firmas, Non podemos facer museos para xubilados, hai que chamar os xòvenes , a participar na aventura do arte. O demais son contenedores sen criterio, de ideas con boa fé pero de persoas sen experiência museística. O concello debería de contratar a un especialista ainda que sexa por horas antes de montar unha expo, xá a hubo pero a mandaron, Non todo o mundo pode expoñer, debería de haber un criterio,pero eso si, si expoñen todos dan votos pero non prestixio artístico o Concello.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará